Fundación Illa de San Simón
inicio Xunta de Galicia

Os valores

A Illa do Pensamento é moito máis que un proxecto, unha plataforma de expresión ou un conxunto de equipamentos dotados de contido. É a lóxica e necesaria culminación de máis de dez séculos de historia dun enclave paradisíaco, dun lugar privilexiado, marcado pola dualidade e a carga simbólica do seu carácter insular. Un territorio de mar inmediato, que se abre aos catro ventos, cuxo illamento converteuno en terra de oración de ermitáns e templarios, en último refuxio de enfermos desafiuzados ou en obrigada condena para presos políticos.

Pero tamén foi ese mesmo mar que arrodea a illa o que cimentou os alicerces do que hoxe estamos a construír. Ese océano que durante séculos, moito antes da chegada das novas tecnoloxías, exerceu como o gran axente globalizador, xerador de riqueza e fonte de diversidade cultural. E que foi, sobre todo, o mensaxeiro das ideas, da creatividade e da arte polos cinco continentes.