Fundación Illa de San Simón
inicio Xunta de Galicia

A historia

O poder de inspiración artística e criadora deste arquipélago foi unha constante na súa historia, porque en San Simón caben infinitas novelas. Lendas de corsarios, de monxes templarios, de batallas, de tesouros ocultos e de viaxeiros chegados de afastadas terras, alimentadas polos múltiples avatares dos que este arquipélago foi testemuña ao longo da historia.

En San Simón quixo Julio Verne que recalara o capitán Nemo nas súas Vinte mil leguas de viaxe submarina, marabillado pola lenda dos tesouros dos galeóns afundidos na batalla de Rande. Unha pasaxe que evocaría Carlos Núñez, un referente na música galega, que fala de San Simón e do Nautilus no disco Maio Longo, recollendo a testemuña dos trobadores medievais que, como Meendinho, dedicaron as súas cantigas a San Simón e á ría de Vigo.

Grazas ás narracións do escritor Joaquín Dicenta coñecemos tamén a vida cotiá no lazareto durante un dos períodos decisivos na historia da illa, e foron incontables os novelistas, poetas, escultores ou músicos de todos os tempos que nela atoparon a forza evocadora para as súas composicións.