Fundación Illa de San Simón

un laboratorio das ideas

A Illa do Pensamento recolle a testemuña dos nosos ancestros e aproveita a vocación marítima, a carga histórica, o valor patrimonial e a riqueza paisaxística da illa de San Simón para dar un paso máis tras o esforzo rehabilitador realizado pola administración.

Chegou o momento de edificar un enorme laboratorio de ideas con proxección globalizadora, vocación multidisciplinar e unha nova identidade na que o pensamento creativo, máxico, artístico e crítico ilumine todas as actividades e accións que se levan adiante neste fermoso arquipélago.

A súa fachada natural é a mellor carta de presentación do conxunto de San Simón, formado por dúas pequenas illas unidas por unha ponte e por dous illotes no fondo da ría de Vigo, moi próximos a terra.

Declaradas pola Xunta de Galicia Ben de Interese Cultural con categoría de Sitio Histórico, as illas foron sometidas a un profundo proceso de rehabilitación, sumando á arquitectura existente e ao seu rico ecosistema novos equipamentos, infraestruturas e espazos naturais que inclúen desde un auditorio ata zonas expositivas, residenciais e lúdicas que as converten nun enclave idóneo para desenvolver actividades de toda índole.