Fundación Illa de San Simón

a labor de recuperación

Grazas aos esforzos de persoas e colectivos hoxe coñecemos unha parte importante do acontecido en San Simón, que ten deixado unha forte pegada na memoria das vítimas, das súas familias e amigos e da veciñanza en xeral.

A pesar da información perdida e da documentación da época estragada ou destruída, cóntase con diversa documentación oficial que ilustra os acontecementos, así como con outras fontes escritas e gráficas que teñen chegado ata os nosos días, boa parte das cales proceden dos propios presos e das súas familias. Grazas a estas fontes, historiadores, documentalistas e outros investigadores teñen realizado un grande labor para sacar á luz o vivido neste lugar. O legado documental deixado por algunhas das vítimas da represión, en forma de memorias, cartas, poemas, debuxos e outros modos de expresión, ten un grande valor pois achega o noso pasado a través da mirada dos seus protagonistas. Así, presos como Evaristo Mosquera, Diego San José, Manuel Barros, Alfredo Bautista, Eduardo Pantaleón, Ernesto Carratalá, entre outros, achégannos as súas vivencias, o cal representa soamente unha parte dos documentos e escritos realizados polos presos, moitos dos cales certamente nunca se coñecerán.

Teñen xurdido tamén múltiples formas de expresión social e cultural e a creación artística ten significado tamén unha importante fonte para a memoria colectiva, a través das obras que no ámbito da literatura, a plástica e outras formas de expresión rememoran ou recrean o vivido. Mesmo na actualidade, uns 70 anos despois do acontecido, San Simón e a súa memoria seguen a ser fonte evocadora das expresións máis actuais de poetas, escultores e outros creadores no ámbito escénico e musical, nun esforzo de creación e lembranza.