Fundación Illa de San Simón
inicio

normas de acceso

NORMAS DE ACCESO Á ILLA DE SAN SIMÓN

A Fundación Illa de San Simón establece as seguintes normas para visitar ás illas de San Simón e San Antón, que rexirán con carácter xeral e salvo excepcións expresamente autorizadas pola Fundación.

As presentes normas teñen como obxectivo salvagardar a seguridade dos visitantes, así como os elementos patrimoniáis do Sitio Histórico e o medio ambiente da paraxe natural onde se ubica.

1.- Solicitude.

Toda visita ao conxunto insular deberá ser solicitada con carácter previo, por petición escrita dirixida a visitas@fundacionilladesansimon.org

Todas as solicitudes serán respostadas. En caso de que esa resposta, por calquera circunstancia, non se produza, a solicitude entenderase denegada.

Á solicitude acompañaráse a seguinte información:

-Data ou datas de interese.

-Número de persoas que integran o grupo da visita.

-Motivos da visita.

-Identificación da persoa solicitante e/ou da entidade interesada na visita.

2.- Autorización.

Serán autorizadas todas as visitas que teñan un marcado interese cultural e/ou formativo, en consoancia cos obxectivos fundacionais da Fundación Illa de San Simón.

A autorización implica a aceptación e o seguimento das normas réxime interno que serán entregadas ao solicitante.

Con carácter xeral, as meras visitas privadas non están autorizadas, salvo por necesidades de salvamento ou outras circunstancias extraordinarias.

3.- Uso das instalacións.

Os visitantes poderán pasear polos xardíns e exteriores das illas de San Simón e San Antón e visitar as exposicións que se atopen abertas ao público, así como a capela de San Simón.

No suposto de existir servizos de cafetería, poderán ser usadas as instalacións correspondentes, así como os edificios con aseos públicos.

As restantes instalacións e edificación teñen interdita a entrada de persoas non autorizadas, salvo disposición en contrario.

4.- Transporte.

O grupo deberá proveerse do seu propio transporte marítimo, capaz de levar ao grupo integrante da visita.

No caso de ser aprobada a visita, deberá comunicarse hora de chegada e saída da embarcación, así como características da mesma (eslora, calado,…). O patrón da embarcación será responsable de seguir as indicacións que desde a Fundación se lle transmitan para as operacións de chegada, partida e espera.

En calquera dos supostos, o número de persoas por expedición que terá acceso á illa será o do doble da capacidade da embarcación que faga o transporte. Por exemplo, se un grupo ten contratado un barco de 100 prazas, o número máximo de persoas que poderán achegarse será de 200, en dúas viaxes. O transporte nunca deberá verse obrigado a a facer máis de dúas viaxes en caso de ser preciso proceder á evacuación da illa.

A Fundación non se fai responsable do servizo de transporte, polo que non ten capacidade de decisión sobre horarios, capacidades, tarifas, permisos de navegación, nin, en xeral, sobre ningunha circunstancia relativa á navegación das embarcacións, limitándose, únicamente, a permitir o acceso aos peiraos das embarcacións que transporten visitas autorizadas.

5.- Guías.

Non existe persoal de guía ao dispor das visitas. O uso de guías contratados por parte dos visitantes está autorizado, sempre que non empreguen elementos de megafonía, tales coma altofalantes ou similar.

6.- Seguridade.

Os visitantes deberán seguir ás instruccións do persoal de seguridade e demáis persoal baixo as directrices da Fundación.

As visitas deberán prever a necesidade de contar con persoal sanitario na visita, dado que éste non está dispoñible na illa. O persoal sanitario terá acceso libre para o uso da enfermería da illa, de resultar preciso.

Os menores de idade poden entrar baixo a supervisión e coidado dun adulto.

Está prohibido o baño nas costas das illas.

Os grupos de visitantes deberán contar cun seguro de responsabilidade civil e outros de accidentes, sen perxuízo dos contratados pola Fundación. A Fundación pode requerir a documentación acreditativa daqueles e denegar a autorización en caso de non ser presentada ou non acreditar a existencia dos seguros.

7.- Coidados da illa.

Non está permitido comer nas illas, nin facer lume de calquera clase agás as excepcións contempladas nesta normativa.

Non está permitido fumar no interior de ningún edificio. Respecto dos espazos exteriores, non se poderá fumar máis que nos peiraos de acceso, e nas superficies enlosadas.

Non está permitido tirar ningunha clase de lixo ao chan. A entidade organizadora pode ser requerida para sufragar o custo da limpeza resultante do incumprimento desta norma.

Non está permitida a entrada de animais de compaña agás cans guía.

8.- Privacidade.

Existen cámaras de seguridade nas illas que NON GRAVAN as imaxes que toman, polo que a privacidade dos visitantes, a eses efectos, queda garantida.

9.- Custo da visita.

Baixo o réxime contemplado na presente normativa, a entrada na illa é gratuita, polo que, o visitante únicamente debe asumir o custo do transporte ata ela.