Fundación Illa de San Simón
inicio Xunta de Galicia

INDCREA
GALICIA E AS INDUSTRIAS CULTURAIS E
CREATIVAS DIANTE DA AXENDA 2020

San Simón, a Illa do Pensamento, acollerá entre os días 19 e 22 de setembro un encontro no que participarán preto de medio centenar de investigadores, especialistas e expertos dos distintos campos e áreas das industrias culturais e creativas de Galicia, do resto de Europa e de América. Este encontro constituirá o punto de partida do denominado PROXECTO INDCREA, que ten como obxectivo abrir novos espazos de reflexión e investigación sobre os escenarios de futuro das industrias culturais e creativas de Galicia ante a Axenda 2020, como dobre reto ante esta complexa segunda década do século XXI e tamén ante a estratexia e o programa da converxencia dixital da Unión Europea.

Este foro está organizado pola Consellería de Cultura da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) e a Fundación Illa de San Simón, e polo Consello da Cultura Galega. As sesións retransmitiranse por streaming e con seguimento a través de Twitter.